Por unha contratación pública responsable en Cuntis!

Cando falamos de transformación non nos limitamos a unha modificación cosmética dos modos e maneiras de gobernar. Veciñanza vén propoñendo nesta andaina, dende a oposición, criterios que verdadeiramente fagan xustiza a esa palabra tantas veces sobada e escasamente aplicada ata o de agora. Os orzamentos participativos, a auditoría de contas, a transparencia absoluta, a solución estrutural a problemas históricos (enchentes, estacionamento), etc. A proposta que levaremos ao vindeiro pleno, o deste mes de novembro, segue tamén ese trazado: unha moción para a inclusión de criterios sociais e medioambientais na contratación pública do Concello de Cuntis.

Iniciativas deste tipo veñen sendo impulsadas dende fai tempo por diversas administracións, fundamentalmente locais, que son as que están levando a dianteira nesta materia, malia que a súa capacidade e iniciativa se vira limitada polas reformas lesivas do Partido Popular na anterior lexislatura do goberno do Estado, baixo o paraugas de políticas de austeridade, como por exemplo son as medidas contidas na Lei 27/2013, de 27 de decembro de racionalización e sostibilidade da Administración Local. Con todo, a importancia da contratación pública podemos sostela sobre dous datos:

  • A contratación pública supón un 18,5% do PIB no conxunto do Estado Español
  • Un informe da CE de 2014 pon cifra á corrupción que asolagou as institucións no Estado Español: TRECE MIL MILLÓNS (13.000) de euros, derivada fundamentalmente de malas praxes na contratación pública.

No conxunto do Estado Español, concellos como os de Avilés, Barcelona, Madrid, Xixón, a Deputación de Lugo, a Comunidade Autónoma de Andalucía teñen experimentado xa este tipo de fórmulas na contratación. E sabemos de iniciativas semellantes en concellos como Huelva, Barakaldo ou Mislata.

A contratación pública é un dos principais recursos que teñen as administracións para desenvolver e executar políticas sociais. Pode e debe ser unha ferramenta transformadora que contribúa a unha sociedade máis ética e máis sostible, e neste senso, a inclusión de cláusulas sociais e medioambientais na compra pública xoga un papel determinante. O reto é desterrar a concepción tradicional da oferta economicamente máis vantaxosa como aquela que incorpora o prezo máis barato. icon_documents_0_0Cómpre ampliar o enfoque cara a outras propostas con maior índice de compromiso social, e de considerar a contratación pública como un investimento social.

Cómpre sinalar que a lexislación vixente a respecto dos procesos de contratación que lles afecta aos Concellos permite a aplicación de criterios sociais e medioambientais, así como de incluílos nas condicións previas e pregos de licitación que elaboren os gobernos locais. É, xa que logo, totalmente lícito e fondamente desexable incluír as condicións das que estamos a falar nos procesos de contratación.

Co sincero desexo de que esta moción sexa do agrado do resto de grupos da Corporación e saia, polo tanto, aprobada, defenderemos esta postura coa esperanza de que sexa realmente asumida e posta en práctica polo goberno local. De ser así, as empresas que contraten co Concello de Cuntis deberán cumprir uns requisitos máis alá dos puramente burocráticos para a realización da obra ou servizos: mellores condicións laborais, compromiso no respecto do medio ambiente, integración de persoas e/ou colectivos en risco de exclusión, creación de emprego local ou comarcal, etc.

Podes consultar a moción íntegra na seguinte ligazón:

MOCIÓN PARA A INCLUSIÓN DE CRITERIOS SOCIAIS E MEDIOAMBIENTAIS NA CONTRATACIÓN PÚBLICA EN CUNTIS

Share

Tamén pode gustarche...